A quen corresponda

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

No ano 2011 moitas activistas sociais, algúns mesmo que noutra etapa participaramos en partidos e estabamos desencantados, reincorporándonos á política coa ilusión dun tempo novo que se abría na dignidade das prazas.

Creamos interfaces novos, distintos como diversa era a visión que tiñamos do mundo e do noso país, construímos o primeiro espazo de colaboración transversal no nacional e no social con AGE, observamos con impotencia como esa experiencia fracasaba pero aprendimos e puxemos en marcha candidaturas de unidade popular gañadoras e cidadáns. Despois vimos como os aparatos dos partidos que miraran con desconfianza esas Mareas se apropiaban do patrimonio simbólico das mesmas. A pesar diso votamos a En Marea por responsabilidade nunhas xerais decisivas e puxémonos a construír Mareas en Común para trasladar ao nacional os nosos modelos locais. Faltounos tempo e transacionamos a refundación dunha En Marea que asumía a interpretación teórica das Mareas a cambio de ceder nunha marca xa coñecida e duns mecanismos non de todo participados.

Atopamos un gran candidato, Luís Villares, e co motor das Mareas, convertemos a En Marea na segunda forza política do país.

Agora toca dar un paso máis, e como nalgunhas operacións de órganos o software popular de Mareas en Común encontra incompatibilidades no hardware burocrático de En Marea.

A construción dun proxecto plural para a maioría so é posible desde o recoñecemento da pluralidade como unha riqueza non como unha anomalía, onde os códigos éticos non son proclamas benintencionadas senón manuais de aplicación práctica, onde o proxecto nacional non é a suma do polo nacionalista e federalista senón a construción democrática de un pobo desde a súa aceptación cívica, onde a radicalidade democrática non é unha consigna de moda senón unha practica indisoluble da nova política.

Teño tido a sorte de formar parte de Marea Pontevedra, sen dubida a organización máis participativa e democrática do entorno, pero sobre todo de xentes con coraxe e cunha dignidade a proba de toda dubida. As 25 persoas da coordinadora da Marea Pontevedra son o equipo máis alucinante que teño coñecido. Estou namorado delas. Con elas vou ao fin do mundo.

Confío aínda que En Marea acabe sendo o que definimos no seu acto constituinte en xullo pasado. Creo en moitas mareantes que so están aquí porque queren estar, sen máis, porque lles peta e lles da gaña. Admiro a Luís Villares pola súa entrega e a súa vocación de servizo a Galicia e as súas xentes.

Pero sei, sabemos, que En Marea, que Villares, non ten o seu máximo inimigo nos medios do sistema nin nas forzas da dereita. Sei, e sabemos moitas, que o peor inimigo de En Marea esta acazapado dentro. No burócrata partidario que fai contas arredor do seu interese corporativo, no cargo institucional que se esquece do porqué o apoiamos, no fundamentalista que pensa que o que opina diferente non merece ter os dereitos de participación.

En Marea esta nun proceso de elección do seu Consello de Mareas. Un proceso no que Villares está a facer un gran esforzo por ter unha lista de consenso que represente ao proxecto en toda a súa amplitude.

Eu confiaba nese proxecto pero apareceron os vetos políticos. Non me estou a referir ao debate sobre a idenoeidade, sobre o nivel de compromiso ou a valía de alguén, non. Falo do veto ás ideas.

Si aceptaramos o veto político seria tanto como recoñecer que non todos temos cabida na Marea, seria recoñecer que existen uns axentes de saude pública que se cren con autoridade suficiente como para, aínda que so sexa como posibilidade, decidir quen pode e quen non pode participar con todos os dereitos.

Eu fun vetado por un axente deses, sen argumentos aínda que ao igual que calquera moralista, seguro que os ten. Gustaríame que os máximos dirixentes do seu partido político explicaran publicamente os motivos de este veto e si o comparten.

Diante diso tiña a opción de calar para non prexudicar ao proxecto pero lembrei aquilo de Lenin que a verdade é sempre revolucionaria, e que a transparencia é, xunto coa radicalidade democrática, outro dos piares da nova política.

Acordeime da dignidade da miña xente e pensei que en realidade asumindo esa realidade asumía as poucas esperanzas que ten En Marea en ser algo diferente sen burócratas, sectarios e moralistas.

E porque a éticanon so esta por riba da política senón que é a clave de boveda da mesma, decidín que, con veto ou sen veto, non vou participar nunha lista de consenso onde a aceptación calada destas prácticas supón ser cómplice calado da intolerancia e do sectarismo.

So Hai Marea coas mareas!

 

Pontevedra, 10 de xaneiro de 2017