As Mareas recoñécense nas novas dinámicas

Share in Chuza!Share in DoMelhorLa TafaneraShare in ZabalduShare in AupatuShare in MenéameShare in TuentiDigg it!Share in FacebookTweet it!Share in Cabozo

DSC 0444

 Xoán Hermida

A un mes das importantes eleccións xerais, que serviron para cristalizar as dinámicas de transito de réxime iniciado simbolicamente nas prazas hai catro anos, e a escasos meses das eleccións autonómicas que pechan o ciclo político en Galicia aberto coa irrupción de AGE na anterior convocatoria; xuntáronse en A Estrada as Mareas Municipalistas do cambio (máis algunhas que sen selo inicialmente foron vertebrándose como proxectos con dinámicas comúns).

Esta cita nada tiña que ver co encontro celebrado en agosto pasado, a poucas semanas das municipais, nin pola súa dinámica, nin polo seu formato e obxectivos, nin polas preocupacións das activistas do cambio. Está claro que a metodoloxía utilizada axudou bastante a que este encontro fora diferente, pero sobre todo, existe unha conciencia clara de que os procesos consolidáronse, á calor da acción colectiva das Mareas máis atrevidas (Marea Atlántica, Compostela Aberta, Marea Pontevedra, Ames Novo, Asemblea pola Unidade ou as Mareas do Barbanza, entre outras), e os proxectos maduraron pola aceleración de acontecementos políticos nos últimos meses (auxe de forzas emerxentes -Podemos e Cs-, falla tectónica catalá, resultados das xerais neste ‘interregno’ de réximes).

 

É verdade, que vendo as referencias en prensa un ten a sensación de que as activistas das Mareas imos a xuntanzas onde o que se fala e o que se publica non ten nada que ver. É posible que o problema o teñan os medios de comunicación (o máis fácil é atacar ao mensaxeiro) pero, tamén e/ou ademais, pode ser que o teñan as dinámicas de vella política, a desterrar, de que a vontade da xente é reinterpretada ante a ausencia de verdadeiros portavoces elixidos democraticamente.

En todo caso, a sensación era de estar diante dun acto que vai condicionar a reorientación necesaria de un proxecto, o de En Marea, que, tal como alí se entendía, non pode estar partindo de cero en cada cita electoral e que necesita construírse desde o xa iniciado.

Tres son as chaves para abordar este novo tempo coa certeza de que o que se fai vai dirixido a superar o formato do espazo construtivo da esquerda (no interior) e o modelo político (no exterior) e non so a encadear éxitos electorais parciais sen capacidade de completar o episodio de cambio réxime. Relato democrático, novas identidades e lóxica cooperativa son as tres pezas deste camiño sen retorno que nos ofrece este novo tempo.

Da importancia do relato (democrático)

Nos episodios disrruptivos de contenda hai algo máis poderoso que os medios de comunicación, que a ideoloxía propia (e a contraideoloxía do adversario) ou que o propio programa político; isto é, o relato que se é capaz de construír, as veces mesmo adiantar, que ten a capacidade suxestiva de crear os necesarios marcos interpretativos facilitadores da incorporación das persoas aos procesos de cambio.

Vivimos un tempo novo do que aínda descoñecemos os seus limites. Algúns dos acontecementos que estamos a vivir foron anticipados por algúns, coa incredulidade da maioría, pero os datos cuantitativos que se foron concretando ao longo do mesmo xa superaron, a día de hoxe, as expectativas de todos. É aí é onde o relato adquire a súa capacidade de ilusionar, ilusionarnos, a capacidade de facer o ‘imposible’.

Durante o longo das últimas catro décadas, nin a vella esquerda nin o nacionalismo clásico foi quen de quebrar o modelo turnista. Ben é certo que as condicións de oportunidade política non eran as actuais nin o modelo se amosaba esgotado, pero xa era máis que evidente desde finais da década dos setenta que as coordenadas epistemolóxicas, ontolóxicas e metodolóxicas sobre as que actuaba a esquerda estaban en crise e a pesar diso non se abordou de forma profunda e integral, máis aló de tímidos e limitados intentos de adaptación parcial como foi o eurocomunismo, un proceso de revisión en profundidade.

Nesa incapacidade de quebrar o relato dominante tivo moita importancia a incapacidade do PCE (e posteriormente IU) de construír un relato alternativo unha vez finalizada a súa función de intermediario entre as demandas da rúa e os sectores reformistas da ditadura.

O 15M sinalou a necesidade de construír ese novo relato, e Podemos formateouno como proposta política. Trátase dun relato onde non desaparece a dinámica de contenda ‘esquerda versus dereita’, senón que adquire unha nova relectura complementaria ligada a un fío condutor democrático de lóxica superadora cara a unha nova democracia onde a xustiza social, como elemento central programático da esquerda, segue a ser central.

Tampouco desaparece a dinámica de contenta ‘centro versus periferia’, aínda que no novo relato democrático o dereito a decidir (todo) e a plurinacionalidade son centrais sen necesitar para iso de partidos nacionalistas ao uso. O resultado da candidatura de Podemos en Euskadi, convertida na primeira forza en número de votos sen necesidade de aliados locais, amosa a forza que o relato plurinacional ten independentemente como se vertebra no orgánico.

Por outra banda, os bos resultados de Podemos en Madrid veñen a demostrar que, a diferenza do que algúns sectores reiteraban, abordar por un partido estatal a plurinacionalidade no necesariamente lle resta votos no espazo da España uninacional.

A capacidade de Podemos de vertebrar confluencia nas nacións periféricas, é a vez construír unha alianza fraternal de cambio co-participado para o conxunto do estado, no que poderiamos definir como primeira experimentación concreta de alianzas estables confederais definen a importancia tamén dese relato.

Da importancia do mesmo e das súas lóxicas bidireccionais escribía hai uns días Iñigo Errejon nunha interpretación moi innovadora e arriscada:

“En termos político-electorais (…) a plurinacionalidade ten demostrado ser unha aposta gañadora: Unha alianza fraternal e en pé de igualdade entre unha forza nacional-popular española -ingrediente que ten faltado noutros intentos- e forzas nacionais ou soberanistas nas periferias (…) Na práctica esta alianza plurinacional prefigura unha forma confederal de organización das forzas progresistas, que pode anticipar formas flexibles de construción da nova arquitectura territorial para o Estado plurinacional.

É certo que cabalgar a cuestión territorial ou plurinacional produce tensións e esixe combinar a disputa mediática inmediata coa necesaria pedagoxía cultural de máis longo percorrido, en territorios onde o sentido común sobre o tema está moi distante. (…) Pero non é menos certo que a cuestión territorial -en rigor: nacional- non vai a desaparecer por deixar de mirala ou por trazar simplistas divisións entre as cuestións ‘sociais’ e as ‘nacionais’: non hai nada máis social que a definición e construción do país no que se vive, as emocións que mobiliza e o horizonte cara ao que camiña. Para os sectores subalternos, facerse portadores de un proxecto de país é un peso fundamental para conquistar a hexemonía.”

Da importancia das novas identidades

As dinámicas previas a estas eleccións xerais xiraron arredor, unha vez máis, sobre a importancia da ‘unidade do nacionalismo’ e/ou da ‘unidade da esquerda’, nalgúns casos sobredimensionada polos medios de comunicación, tras o susto das municipais, noutras por lideres interesados en ter a escusas perfectas para desprazar os tempos e impedir unha interpretación radical democrática da partitura do cambio.

Sexa como fora, o corpo social do cambio hai tempo que está a construír novas identidades e pouco lle importaban debates de identidade ideoloxicista. As activistas do cambio teñen ido construíndo novas identidades relacionadas coas demandas políticas democráticas que se deberían plasmar nun novo proceso constituinte: democracia avanzada, blindaxe de dereitos sociais, novos dereitos civís, xustiza ambiental, mecanismos anticorrupción, reforma da xustiza, dereito a decidir,...

As afirmacións do Secretario Xeral de Podemos-Galicia, Breogán Riobóo, sobre a sobredimensión do caracter nacionalista da campaña de En Marea ou a súa falla de transversalidade tratan de conectar con sectores que podían ter un certo hartazgo dese bucle melancólico no que se ten movido parte da esquerda nacional nos últimos tempos, pero neste caso o teorema non se corresponde co corolario [que Podemos se presente en solitario].

É máis, a necesidade de reforzar a nova identidade nacional transversal indicaría a necesidade de seguir afondando en proxectos transfronteirizos, como AGE ou En Marea, á hora de abordar a multiplicidade combinativa de varias identidades nacionais, tendo como elemento forza o recoñecemento nacional de Galicia e o seu dereito de autodeterminación.

Hoxe, a coexistencia no mesmo proxecto político de En Marea (como anteriormente en AGE) de forzas nacionalistas e non nacionalistas son unha realidade lóxica da propia construción de esa nova identidade política no nacional e así probablemente vai seguir sendo durante un tempo, pero a dinámica puído ser diferente. No proceso de construción do Novo Proxecto Común, encetado tras a ruptura do BNG, púidose abordar un proceso construtivo que estivera máis referenciado no 15M que en Amio.

Cando se empezaron a vertebrar asembleas nacionalistas, por todo o país, no que posteriormente confluíu na fundación de Anova e a bifurcación co proxecto de Compromiso, desde os ecogaleguistas formulouse a necesidade de que o proceso se incardinara arredor de asembleas cidadáns (eu mesmo tiven ocasión de trasladarllo a un Xosé Manuel Beiras receptivo e moi atento as novas interpretacións). De ser así, o proceso seguramente fora diferente, non houbera necesitado da rectificación de AGE, e hoxe, moi probablemente, a realidade fora que en Galicia en lugar de instalarse Podemos houbera un proxecto nacional que ocupara ese espazo político e que estivera confederado co propio Podemos, nado con posterioridade.

Veremos como se resolven as múltiples identidades no futuro e si somos capaces, ou non, de sumalas a un proxecto de cambio, pero o que si parece seguro, e que nun tempo próximo vai ser máis fácil ver un deputado animalista en futuros hemiciclos, como acontece noutros países, que a deputados do nacionalismo clásico ou da vella esquerda.

Da importancia das lóxicas cooperativas

Antes de que algúns comecen de novo co bucle interminable 'das siglas que faltan’ na unidade, que so sirve para fortalecer as dinámicas de parte e, de paso, de escusa para pospor sine die a radicalidade democrática; faise necesario apostar por lóxicas de cooperación (entre persoas) en detrimento das lóxicas de unidade (entre siglas).

En Marea é, na súa configuración actual, unha mestura entre unha coalición tradicional de partidos e un forza franquiciada nas mareas municipalistas. A gran diferenza entre unha coalición electoral pura, como foi AGE, e En Marea esta que entremedias xurdiron mareas municipalistas, auténticos desbordes cidadáns, que se converteron por dereito propio nun ‘poder fáctico’ necesariamente a ter en conta pola súa importancia electoral e por ser a infantería real dun proxecto composto por partidos con moitas limitacións de cadros e de militancia.

A capacidade de inclusión cidadán e a integración das mareas, xunto cos partidos, na toma de decisión real do proxecto vai ser determinante para saber si En Marea asentase nun modelo frentista (cupular) ou se constrúe seguindo unha lóxica popular.

O éxito electoral e o fracaso político de AGE, debería ternos vacinado contra modelos agregativos, onde se manteñen espazos competitivos. A soa formulación estes días, dalgúns dirixentes políticos alleos a En Marea, de apostar por alianzas electorais ou ‘coalicións técnicas’ amosan que non abordaron un cambio estratéxico de posicións e so responden a un intento táctico de salvación política de vellas elites nacionalistas.

En todo caso, En Marea debe abordar, sen máis demora, o debate da súa construción como Bloque Político-Social de cambio, necesariamente asimétrico na súa dimensión territorial entre espazos xerais e espazos municipalistas, na súa dinámica democrática coa convivencia de persoas pertencentes a partidos e activistas políticos sen adscrición partidaria, e na súa dimensión transformadora combinativamente entre un proxecto construído desde Galicia pero incorporado a unha alianza de cambio en España (Podemos e outras conformacións nacionais) e en Europa (atentos ao Manifesto Plan B para Europa impulsado por Varoufakis).

Un debate que require dunha solución positiva no plano da participación, con protocolos de boas practicas e organizativos que incorporen mecanismos flexibles e claros de elección democrática por primarias tanto de candidaturas electorais como de órganos de dirección de En Marea, de funcionamento e toma de decisión, de políticas de transparencia efectiva ou de financiamento ético.

E non menos importante, dunha cultura e simboloxía común necesaria para un espazo político de cambio necesariamente asimétrico.

__________________________________________________

Artigo publicado en

Galicia Confidencial http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/27548-mareas-reconecense-novas-dinamicas